MONDOÑEDO EN PIE DE GUERRA FRENTE A LAS CENTRALES HIDROELÉCTRICAS

 

   

Mondoñedo en “pe de guerra” fronte ás centrais hidroeléctricas

A Plataforma Furapresas organiza diversos actos para reivindicar a conservación dos valores naturais, turísticos e culturais

Con motivo dos proxectos de centrais hidroeléctricas previstos nos ríos de Mondoñedo, o próximo fin de semana terán lugar diversos actos reivindicativos de cara a visualizar a oposición da sociedade a este tipo de actuacións que lesionan gravemente o medio ambiente, en espazos cualificados como Rede Natura (Europa e España) e Zona de Especial Protección dos Valores Naturais (Galicia).

O sábado 13 temos previsto unha proxección fotográfica na Praza do Concello ás 23:00 h., na mesma poderemos contemplar a beleza dos espazos naturais que albergan os ríos Tronceda e Figueiras, centrándonos nas áreas afectadas pola construcción das centrais hidroeléctricas.

O domingo 14 xuño imos realizar varios actos na defensa dos ríos Tronceda e Figueiras, e polo tanto tamén da Área Recreativa da Fervenza:

En primeiro lugar, as 12:30 h. iniciarase unha marcha reivindicativa que sairá do barrio dos Muiños e rematará na Área Recreativa de A Fervenza, e que terá o seguinte itinerario: Muiños - Praza da Catedral – Concello - San Lazaro - Coto da Redaeira - A Fervenza. Durante a marcha, contaremos co acompañamento de música a cargo dos participantes, e nas diversas escalas do percorrido farase lectura de manifestos alusivos á defensa dos ríos, e á conservación da Fervenza como espazo de lecer.

Remataremos a marcha cun xantar popular na Área Recreativa da Fervenza ás 14:30 h., ao que se pode asistir levando o propia xantar ou anotándose á lista do xantar organizado pola plataforma Furapresas (617353140 – 696452308), entre todos faremos unha boa festa.


Marcha reivindicativa: domingo 14 ás 12:30 h, dende Os Muiños (Mondoñedo).
Xantar popular: domingo 14 ás 14:30 h, na Área Recreativa da Fervenza.

Plataforma Furapresas  

 

     

Manifesto fundacional da Plataforma Furapresas

Mondoñedo comprende un territorio que conta cuns importantes recursos naturais que tanto os cidadáns de hoxe en día, coma os nosos antepasados souberon valorar na súa xusta medida. Nalgúns casos, estes espazos naturais non teñen unha cualificación determinada que os sinale como un lugar de interese especial, a pesar de que dispoñen de importantes recursos naturais. Sen embargo, no concello de Mondoñedo tamén existe unha importante parte do seu territorio que está protexida pola lexislación actual; estamos a falar dos Lugares de Interese Comunitario (LIC) máis coñecidos como Rede Natura, trátase de espazos naturais sinalados pola Comunidade Europea como lugares a protexer pola importancia do ecosistema que sosteñen e a súa boa conservación.

Dous destes espazos naturais de Mondoñedo cualificados como Rede Natura e protexidos pola lexislación urbanística e medioambiental, están sendo ameazados pola inminente construcción de minicentrais hidroeléctricas. Estes proxectos están sendo  promovidos por empresas privadas que responden a un interese particular, en contraposición ao interese xeral dos mindonienses. Estas minicentrais, e outras semellantes nos ríos galegos, están atopando unha importante contestación social que culminou coa iniciativa lexislativa popular pola que se aprobou a Lei de Ríos.

Minicentral Salto do Cabana.

Está prevista nas inmediacións da Area Recreativa da Fervenza, tamén coñecida como Piscina do Coto. Entre as consecuencias que traería para a zona este proxecto encontrámonos coa limitación do caudal actual nun 90 %; o cal supoñería a práctica desaparición do río, converténdose nun regato que ademais non chegaría nin para encher a piscina fluvial, ademais das importantes afectacións ambientais no ecosistema. Estamos ante un proxecto que de levarse a cabo afectaría a un LIC Rede Natura apreciado polos  mindonienses e os visitantes, para o seu tempo de lecer. Polo tanto, consideramos que o interese xeral non pode sucumbir ante o interese particular das empresas

Minicentral Río Figueiras.

 O encoro da minicentral prevista estaría situado no lugar de Romeo, en Figueiras, e o seu canle de derivación chega ata a Ferrería en Viloalle, afectando ao río nun tramo que supera os dous quilómetros. Proba da importancia deste río é que a cualificación como LIC da Rede Natura afecta so ao río, polo que se si ve afectado pola construcción desta minicentral perdería a cualificación como Rede Natura.

Recollendo o sentir popular dos mindonienses, queremos manifestar a nosa oposición á construcción destas minicentrais hidroeléctricas, mediante os argumentos anteriormente sinalados. Así mesmo, comunicarlle ás empresas e organismos afectados que mediante a creación desta Plataforma, pretendemos facer valer os nosos dereitos e intereses lexítimos, en canto á conservación dun medio ambiente sostible, e duns  recursos sociais e turísticos que tamén se verían afectados coa construcción das minicentrais proxectadas.

 

Hoxe 12 de Febreiro do 2009,  no Centro Comarcal A Mariña Central, ás 22:30 horas queda constituída a “Plataforma Furapresas”.